martes, 8 de enero de 2019

O meu mestrado


Desde que deu comezo o mestrado marcho de casa ás seis da mañán e volto ás dez da noite. Iso conleva cansazo mental.

Penso que a carga de traballo ten maniatada a toda a aula -salvo algún despistado, tal vez-, e é una magoa non poder afondar en certos contidos porque hai que adicar moito tempo a tarefas e exercicios, o que provoca que sexa case imposible desfrutar a experiencia. Gustaríame facer unha reflexión e centrarme no meu caso. Por razón laboráis -teño dous traballos e dou clases particulares- levo un ritmo de vida algo, digamos, extremo. Non teño tempo para min, e iso é complicado de aceptar. Vaia por diante que o levo ben, a xente do curso é moi agradable e fai que a enchenta de actividades non acabe comigo. Está claro que eu elexín facer o mestrado ó mesmo tempo que me ergo ás seis menos cuarto da mañá. Aínda así, o corrente sería que quedase durmido na aula a partir da segunda hora, pero non é o caso. Non vou enganar a ninguén dicindo que todo o temario do mestrado é maravilloso e está moi ben escollido, pero hai moitas partes que chaman a miña atención, mais non teño tempo material para afondar un pouco, xa que non é algo que sexa imprescindible para a realización das tarefas esixidas durante a sesión. E tal e como está plantexado este mestrado, hai que racionar moi intelixentemente o tempo do que dispoñemos, e no meu caso é crucial sacar proveito de cada intre libre que atope no meu día a día.

Ó comezo do mestrado estaba moi animado, mais o primeiro día caeu un menhir sobre todos cando a primeira docente falou dun traballo “algo longo”. Eu entrei nunha espiral de agobio da que non era quen de saír. As semanas son moi longas nestas condicións, e os luns pola tarde sentía a sombra do que tiña por diante ata o domingo pola tarde, único anaco de liberdade. O cansazo acumúlase ó longo dos días, cada noite durmes menos e cada clase vas máis retrasado cos novos encargos que van chegando. Vas deixando de dar clase a algún neno, solicitando e rebaixando as horas nos traballos, deixando a dúas nenas máis sen clases e quedando soamente con tres elexidos por compatibilidade de horarios e polo interese que amosaban eles -máis que as súas nais e país- en seguir adiante coas clases, aínda que algunhas clases tivesen que ser en sábado ou domingo.

Deste xeito fun gañando espazo temporal para facer todo o novo que ía chegando, e tamén recuperar algo de terreno co material adiado. Agora desfruto das clases, ás veces máis, ás veces menos, pero estou ben. Simplemente agobiado polas continuas tarefas que hai que facer e entregar en clase, case todas vía internet. Para colmo, he de recoñecer que non me levo precisamente ben coa tecnoloxía, e canto máis nova peor, pero ésta é outra historia. Como ía dicindo, agora desfruto as clases, pero non o traballo que temos que facer na casa. Debido ó volume das actividades e ó escasísimo tempo do que dispoño, cada vez que me poño a traballar despois de cear vexo que apenas quedan un feixe de horas para me erguer, e entón entra en acción a miña parte práctica. E insisto en que me amola enormemente non ter máis tempo para adicar á resolución dos traballos, a investigar con máis profundidade nos temas das presentacións, a non elaborar en condicións o blog no que publico este mesmo escrito. Eu son consciente cada vez que entro de que o deseño é inexistente, e o tempo empregado en partes do blog que non sexan documentos é mínima -penso que tal vez Aarón, que me axudou un par de veces na aula co blog, ten máis tempo empregado na parte formal e visual do meu blog ca min-.


Si que é certo que o meu caso é algo extremo, mais considero que a estructura e a carga de traballo para o alumnado debería de  se revisar e adaptar coherentemente á situación daqueles que pagan a matrícula do curso. Hai xente que non ten máis ocupación que o mestrado, e poden adicar tempo incluso ós aspectos interesantes pero non relevantes ós que facía referencia antes. Pero hai unha gran parte do alumnado que ten algún tipo de ocupación profesional. Eu penso que practicamente todos gustariamos dunha menor carga de traballo e una focalización en menos aspectos, pero con maior profundidade. Desde o primeiro día sentín que estaba entrando nunha espiral de traballos acuciantes da que ía ser imposible fuxir. Eu non quero que isto se repita ano tras ano, e pensando máis nos sucesores do meu posto ca no meu propio caso, gustariame que este escrito no que plasmo a miña negativa experiencia -pero que podería ser moi positiva con algúns cambios- servese para modificar un mestrado excesivamente cargado de contidos protocolarios e sucesións de traballos que non teñen final, para que o futuro alumnado sexa quen de valorar positivamente un ano que debería ser crucial na formación da profesión que vai ocupar o noso tempo durante o resto das nosas vidas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario