As programacións didácticas vixentes
Nesta
unidade falamos das programacións didácticas vixentes na Educación Secundaria
Obrigatoria e Bacharelato, nos cursos de Formación Profesional e na Escola
Oficial de Idiomas. Eu vou falar primeiro da elaboración das programacións e o
papel dos departamentos, para despois facer un par de reflexións sobre o persoal
docente e algunas situación nas que se pode ver envolto en relación coas programacións didácticas.
As programacións deben entregarse
ó xefe de departamento antes do comezo do curso, polo que todos os membros
docentes han de chegar a una posta en común á hora de redactalas. Parece
sinxelo, mais se dedicamos un minuto a cavilar neste aspecto semella difícil
que todos e todas sexan quen de establecer pautas definitivas en tantos apartados
e tan variados, coma avaliación ou metodoloxía. Cada mestre ten o seu punto de
vista e as súas opinión, e aínda que acepte ceder en certos aspectos, ou
incluso sacrificar parte da súa idea de programa, son moitas persoas e moitos
puntos a tratar. Ademais, hai que concretar as necesidades específicas de cada
curso, cos conseguintes eternos debates sobre se un punto deberíase pór en
práctica neste curso ou no seguinte. Tendo en conta todos os apartados dunha
programación didáctica e as súas adaptacións ós diferentes niveis, resulta case
inaudito que o mestrado sexa quen de levar a cabo esas programacións, incluso
nas situacións máis extremas, coma é o caso das Escolas Oficiais de Idiomas
neste curso 2018-19, aspecto que mencionarei posteriormente de maneira máis
detida. A programación didáctica pode ser a parte máis importante á hora de
preparar a docencia e ós/ás docentes da materia, por iso penso que é ben
necesario que haxa esa posta en común entre todas as persoas que forman parte
do departamento. Hai que se decatar do feito de que unha programación didáctica
é unha guía a seguir polo docente á hora de impartir clase, mais para o
alumnado é a base da súa educación no centro, e terá certa influencia na súa
formación, académica e profesional. Por iso mesmo paréceme esencial que as
programacións didácticas sexan publicadas para toda persoa que desexe
consultalas, como é o caso a través de internet.
Noutro
punto, penso que os mestres pasan poucos controles, tendo en conta o seu alto
grao de responsabilidade repasado anteriormente. Noutros países pasan moitos
máis controles ca en España, nación na que unicamente teñen un control no
primeiro ano coma docente, e posteriormente pode transcorrer toda a súa
carreira como mestre sen pasar máis controles, aínda que non é o normal. Hai
casos nos que o docente acomódase na súa posición unha vez ten feitos durante o
primeiro ano todos os requisitos que se lle requiren; é un perigo do que hai
que ser totalmente consciente, xa que pode ser unha tentación deixarse levar
cando xa estás afeito. Outro problema é o do nivel do mestrado: pode haber
mestres que, por unhas causas ou outras, rematen impartindo clase dunha materia
que non dominan, incluso clase da súa materia, pero nunha lingua na que non se
senten cómodos. Evidentemente, hai ocasións nas que o/a docente non ten culpa da
situación que está a vivir, mais penso que o seu alumnado tampouco a ten, e van
ser eles os máis perxudicados polo probable peor desenvolvemento das sesións
que imparta o/a docente en cuestión. Evidentemente, pola súa parte, o mestre
sentirase frustrado por non poder facer o que quería facer cando aprobou as
oposicións.
Por último, para concluír,
gustaríame mencionar un dato e unha data. O dato é que o currículo da Escola
Oficial de Idiomas se modificou, aprobándose no pasado mes de agosto o decreto.
A data é a do comezo do curso : setembro. Unha vez máis, os nosos
representantes políticos semellan tomar decisións moi importantes sen ter a
mínima idea das consecuencias que poden ter no futuro -inmediato neste caso-,
debido á súa ignorancia do contexto ó que pertencen os documentos que están a modificar
e a aprobar, esquecendo os problemas que causa ós docentes destes organismos.
Evidentemente, o asunto non sería tan grave de non ser os departamentos de cada
centro os encargados de realizar as programacións didácticas. E non estamos a
mencionar todo o traballo referente á adaptación da programación a aqueles
membros do alumnado que requiran adaptacións curriculares específicas.
Como conclusión, penso que as programacións didácticas son o armazón da ensinanza, xa que o/a docente vai seguir a metodoloxía escollida e ten que ser fiel ó seu programa. Polo lado negativo, hai situacións nas que o papel docente vese dificultado por circunstancias externas, que non dependen de un mesmo. Por estes motivos creo que debemos coidar moito a nosa actitude como docente, pois xa hai moitos factores externos que poden estorbar a labor dos mestres. O sistema educativo español aporta máis dun vinte por cetno de fracaso escolar, e unha alta taxa de repetidores, polo cal a labor e o compromiso de todas as persoas que desexen ser docentes ten que ser moi sólido, xa que o sistema ten moitos defectos, que ha de suplir, dentro do posible, o propio mestrado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario