Hoxe quero facer unha reflexión sobre a metodoloxía
CLIL, un sistema de aprendizaxe dunha segunda lingua a través de impartir
materias coma Ciencias ou Historia nesa segunda lingua. Sobre o taboleiro a
idea promete: é innovadora e axudará ás futuras xeracións a integrarse con
outros falantes desa lingua e, así, tamén axudará á integración das diferentes nacións
en Europa, ou na Europa que busca a Unión Europea, precisando para ser pragmáticos.
Gráfico que resume as orixes da metodoloxía CLIL |
Como avanzaba no parágrafo anterior, este proxecto
ten coma obxectivo a aprendizaxe dunha segunda lingua -normalmente o inglés-
por parte do alumnado, mais isto leva consigo o feito de que hai que impartir
materias nesa lingua estranxeira, o que supón un problema, dado que non hai
mestres dabondo que estean formados convenientemente, ben nos coñecementos
relativos á lingua que se vai empregar na aula, ben na materia a impartir. Está
claro que haberá docentes sobradamente preparados para afrontar este bonito
reto, pero moitos outros non o están. Polo tanto, parte dos docentes acollidos
a este programa tal vez decidisen facelo por medo a perder o seu posto de
traballo ou ver diminuído o número de horas como docente.
Hai
outro inconveniente a engadir na lista: a comprensión da materia por parte do
alumando. Eu dou clases a varios nenos e nenas, e hai dous casos nos que a materia
de Bioloxía é en inglés. Moitas veces o que me preguntan non é como se
pronuncia esta palabra ou esta outra, senón o significado de certos termos en
inglés que non identifican durante a clase por descoñecemento do idioma. Teño
un alumno que sabe dicir en menos dun minuto, sinalando nun esqueleto que ten na
súa habitación, todos os ósos do corpo humano en inglés. É brillante, pero hai
varios deses ósos dos que descoñece o nome en español ou galego. O que pretendo
dicir é que a aprendizaxe dunha materia que require coñecementos por parte do
alumnado nunha lingua estranxeira corre o risco máis que probable de ver retardada
a súa marcha debido a casos de nenos e nenas atrasados. É máis, penso que hai
un risco de que algún alumno ou alumna perda interese na materia e remate por
abandonar o seu estudo. En calquera caso, o certo é que a aprendizaxe nunha
lingua estranxeira, segundo tódalas opinións de mestres que lin, atrasa e dificulta a comprensión da materia.
Queda moi bonita a teoría plasmada no papel, mais a prática é ben distinta
|
Como vai aprender o alumnado unha nova lingua se o
persoal docente encargado de impartir ensinanza nesa lingua non ten os coñecementos
necesarios para facelo? Penso que o primeiro de todo, antes de facer
modificacións nas programacións ou crear novos proxectos, sería asegurarse de
que o obxectivo pódese levar a cabo. Polo tanto, penso que o ideal neste caso tería
sido comezar por comprobar o nivel dos docentes que van impartir as materias na
lingua estranxeira, tanto do idioma como da materia en si. Se as cousas se
fixeran ben, o órgano que aproba o proxecto debería aportar fondos para a mellora
da calidade da ensinanza, isto é, crear cursos de formación gratuítos para o
grupo de mestres que vaian a impartir docencia nunha lingua estranxeira. Non
semella algo dificultoso de lograr, pero as dificultades emerxen cando
lembramos que o Goberno non concedeu ningún tipo de axuda ó sistema educativo.
O que é peor, a educación sufriu recortes ó mesmo tempo que o proxecto CLIL
estábase a implantar en España. A magoa de todo isto é que a historia repítese
unha e outra vez co mesmo resultado: a política leva a facer as cousas cunha
rapidez que leva despistes, erros e unha mala planificación. O importante neste
caso non é distinto do importante noutros casos: o importante é publicar o
proxecto, os problemas xa se resolverán máis adiante. Pero este tipo de
situacións son, desgraciadamente, moi comúns en casos nos que as persoas
encargadas de tomar as decisións non teñen -ou parecen non ter- apenas contacto
co entorno sobre o que están a facer modificacións. Que quede claro: estou a
favor do desenvolvemento de novas metodoloxías de aprendizaxe que favorezan a
inclusión de linguas estranxeiras e CLIL podería ser un proxecto con futuro,
mais os procedementos para levar a cabo o programa deixan moito que desexar. Non
esquezamos o máis importante de todo: a historia ten final feliz sempre que
haxa un sorriso protocolario e algunha etiqueta de moda como “Plurilingüismo” na
fotografía. E os recortes en educación ben escondidos para que non se fale
deles na páxina seguinte. Mentres a educación sexa política, estes problemas
vanse repetir eternamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario