Este tema comprende todo o referente á metodoloxía CLIL, e como case toda a materia, é
bastante denso, tanto para o docente, don Gonzalo (así chamabamos ós Mestres na
EGB), como para o alumnado. Afortunadamente, a parte teórica reduciuse ó mínimo
debido ás actividades previstas e propostas por don Gonzalo, que axudaron a que
as dúas clases de catro horas fosen máis amenas e non estiveramos preguntando
que hora é cada dez minutos.
A primeira actividade foi un debate piramidal, xa un símbolo nas sesións
con este docente. Estes debates poden resultar algo molestos no sentido de que
tes que unificar o teu punto de vista cunha persoa, despois cun grupo de
compañeiros e compañeiras maior, e finalmente hai que chegar a un consenso
entre tódolos membros presentes na sesión. Polo tanto, como as coincidencias
escaseen xa no primeiro debate, a experiencia pode ser moi sufrida; en cambio,
se os puntos de vista gardan bastantes similitudes, a actividade resultará máis
rápida e sinxela de facer. A nivel persoal, opino que esta actividade, ademais
de aforrarnos unhas horas de discurso -que pode ser máis ou menos interesante,
pero ó final é unha soa persoa falando durante varias horas seguidas, e ata a tonalidade
de voz máis adorable cansa-, tamén aporta tolerancia -tes que aceptar outras
ideas-, saber escoitar -para dar a túa opinión sobre as ideas das outras
persoas-, poder de decisión -hai que elixir as ideas máis importantes-, etc.
Creo que é crucial que saibamos defender as nosas ideas, seleccionar as máis
válidas desde o noso punto de vista, e
tamén ser quen de sintetizar e fusionar as túas ideas coas dos teus
compañeiros e das túas compañeiras. Ademais, os debates piramidais van de menos
a máis, polo que supostamente a primeira fase debería ser a que resulte máis
sinxela, xa que a cuestión é acadar un punto en común entre un grupo de número moi reducido, mentres que a última, que consiste en que todo un grupo de xente
chegue a un acordo, semella moito máis complicada de acadar.
Penso que é moi importante coñecer os diferentes sistemas e as diferentes
partes dunha programación. Aínda que semelle algo obvio, canto mellor coñezas
as partes das que te vas ocupar, mellor podes render. E tamén está o caso
contrario: pode haber unha persoa que sexa un magnífico docente, se faga
entender con facilidade, mais debido á súa ignorancia no no referente a como ten que impartir -e tratar de captar a atención do alumnado-, as súas sesións poden resultar caóticas e de ningún proveito
para o alumnado.
Por exemplo, se tivéramos feito un debate piramidal na segunda actividade,
na que analizamos a programación dun centro ó chou, no noso caso o IES Santa
Irene de Vigo, tería sido moi rápido, pois todos pensamos que era unha
programación moi completa e coidada, con particularidades igualmente
detalladas, mentres que hai outros centros que nin sequera contan coa
programación de tódalas materias que imparten para consultar por medio de
internet. No caso do Santa Irene, a programación é, como ben dixo Cecilia no
comentario do seu blog referente a este tema, “paradigmática”. O problema que
tivemos ó facer a segunda actividade foi que non era un debate piramidal, senón
un "simple" estudo dunha programación didáctica xa existente, polo cal tivemos
que seleccionar con moita precisión, xa que, como dixen anteriormente, a
programación era completísima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario