Mostrando entradas con la etiqueta Dossier. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dossier. Mostrar todas las entradas

martes, 8 de enero de 2019

Tema 6


Este tema comprende todo o referente á metodoloxía CLIL, e como case toda a materia, é bastante denso, tanto para o docente, don Gonzalo (así chamabamos ós Mestres na EGB), como para o alumnado. Afortunadamente, a parte teórica reduciuse ó mínimo debido ás actividades previstas e propostas por don Gonzalo, que axudaron a que as dúas clases de catro horas fosen máis amenas e non estiveramos preguntando que hora é cada dez minutos.

A primeira actividade foi un debate piramidal, xa un símbolo nas sesións con este docente. Estes debates poden resultar algo molestos no sentido de que tes que unificar o teu punto de vista cunha persoa, despois cun grupo de compañeiros e compañeiras maior, e finalmente hai que chegar a un consenso entre tódolos membros presentes na sesión. Polo tanto, como as coincidencias escaseen xa no primeiro debate, a experiencia pode ser moi sufrida; en cambio, se os puntos de vista gardan bastantes similitudes, a actividade resultará máis rápida e sinxela de facer. A nivel persoal, opino que esta actividade, ademais de aforrarnos unhas horas de discurso -que pode ser máis ou menos interesante, pero ó final é unha soa persoa falando durante varias horas seguidas, e ata a tonalidade de voz máis adorable cansa-, tamén aporta tolerancia -tes que aceptar outras ideas-, saber escoitar -para dar a túa opinión sobre as ideas das outras persoas-, poder de decisión -hai que elixir as ideas máis importantes-, etc. Creo que é crucial que saibamos defender as nosas ideas, seleccionar as máis válidas desde o noso punto de vista, e  tamén ser quen de sintetizar e fusionar as túas ideas coas dos teus compañeiros e das túas compañeiras. Ademais, os debates piramidais van de menos a máis, polo que supostamente a primeira fase debería ser a que resulte máis sinxela, xa que a cuestión é acadar un punto en común entre un grupo de número moi reducido, mentres que a última, que consiste en que todo un grupo de xente chegue a un acordo, semella moito máis complicada de acadar.


Penso que é moi importante coñecer os diferentes sistemas e as diferentes partes dunha programación. Aínda que semelle algo obvio, canto mellor coñezas as partes das que te vas ocupar, mellor podes render. E tamén está o caso contrario: pode haber unha persoa que sexa un magnífico docente, se faga entender con facilidade, mais debido á súa ignorancia no no referente a como ten que impartir -e tratar de captar a atención do alumnado-, as súas sesións poden resultar caóticas e de ningún proveito para o alumnado.



Por exemplo, se tivéramos feito un debate piramidal na segunda actividade, na que analizamos a programación dun centro ó chou, no noso caso o IES Santa Irene de Vigo, tería sido moi rápido, pois todos pensamos que era unha programación moi completa e coidada, con particularidades igualmente detalladas, mentres que hai outros centros que nin sequera contan coa programación de tódalas materias que imparten para consultar por medio de internet. No caso do Santa Irene, a programación é, como ben dixo Cecilia no comentario do seu blog referente a este tema, “paradigmática”. O problema que tivemos ó facer a segunda actividade foi que non era un debate piramidal, senón un "simple" estudo dunha programación didáctica xa existente, polo cal tivemos que seleccionar con moita precisión, xa que, como dixen anteriormente, a programación era completísima.

domingo, 2 de diciembre de 2018

Tema 5. O deseño curricular base. Dossier.





Vou comezar o dossier cunha reflexión máis propia do diario, pero dado que as actividades realizadas son as protagonistas da mesma, decidinme por incluíla nesta sección: paréceme que en medio do deserto de monotonía que é o temario deste módulo, sobresaíndo de entre a densidade dos contidos, emerxe a idea de involucrar ó alumnado dun xeito brillante para ademais conseguir un pleno de atención entre os e as asistentes. Gustoume o feito de introducir o tema cinco cun kahoot, aínda que ninguén fose quen de acertar a metade das cuestións. Igualmente, o obxectivo, que era que todo o mundo atendese ás explicación das respostas, acadouse. Non estou a ser pelota, como se di vulgarmente, senón que estou a ser xusto: estamos nun mestrado que se supón que ten que nos preparar para impartir clase, pero impartila dun xeito distinto, cada vez máis afastado do habitual maxistrocentrismo, e isto é algo que tódolos docentes neste mestrado repetiron sen descanso. O problema é precisamente ése: que parece algo hipócrita o feito de dicir unha cousa, que hai que dar clase dun xeito orixinal e innovador, e chegar á aula e non parar de falar nas dúas horas que dura a sesión. Non estou criticando ós mestres, porque son ben consciente da dificultade que entraña ser orixinal. Por iso paréceme tan destacable o feito de que ó fin un profesor sexa quen de amosarnos, con nós mesmos como alumnado, como converter unha clase monótona e aburrida nun xogo primeiro, un modo de poñer a toda a clase de acordo noutra actividade, e, en definitiva, facer que todos prestemos atención e aprendamos dun xeito ameno e lúdico.


 Como primeira actividade na aula tivemos o kahoot sobre as competencias dos órganos con respecto ás diferentes seccións do deseño curricular do sistema educativo; despois fixemos un estudo das competencias na FP, primeiro en parellas, logo en grupos de catro e despois en grupos de oito estudantes, para rematar toda a clase intentando establecer un punto neutral no que todo o mundo estivese máis ou menos de acordo. Estes son bos exercicios xa que fomentas a colaboración ó mesmo tempo que consegues que o alumnado sexa crítico, teña a súa propia opinión e execute a tarefa de discernimento, que normalmente escasea tanto nas aulas.


Outro exemplo foi a tarefa de analizar competencias  das linguas estranxeiras no currículo da LOMCE (a continuación inclúense dous enlaces, un do currículo da LOMCE: http://www.educacionyfp.gob.es/educacion/mc/lomce/el-curriculo.html; e o outro é unha guía da LOMCE que está no portal da páxina da Xunta: http://www.edu.xunta.gal/portal/guiadalomce). Investigamos os diferentes contextos educativos e os dividimos para facer a busca en grupos e por partes. No caso do meu grupo correspondeunos buscar información sobre os cursos de Formación Profesional. Ocupámonos da estrutura xeral da FP e da súa distribución de competencias. Aínda que son unha persoa que fago todo complicado cando falamos do mundo informático e de que non estou nada habituado a utilizalas, valoro o emprego de ferramentas como Google Drive en traballos de aula, xa que todos podemos estar a modificar o mesmo documento a un tempo. No noso caso decidimos dividir a busca e que cada un engadira ó documento a parte correspondente á súa labor investigadora. O primeiro apartado o fixemos moi rápido, resumido nun cadro:

Ciclos
Título
Formación Profesional Básica
Título Profesional Básico
Ciclos Formativos de Grao Medio
Título de Técnico
Ciclos Formativos de Grao Superior
Título de Técnico Superior




Respecto do contido das competencias no sector dos cursos de FP, o Goberno do Estado, como é lóxico, acapara a meirande parte das competencias principais, coma o establecemento da estrutura dos títulos de FP, a súa ordenación ou multitude de especificacións no referente a criterios de avaliación ou requisitos do profesorado. Ó Goberno Autónomo lle corresponde regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, establecer os currículos, así como ampliar e desenvolver os seus contidos básicos, regular que centros ofrecen e imparten FP inicial ou regrada, e finalmente comunicar que títulos se ofrecen e en que centros se imparten. Por último, os centros docentes so aplican, concretan e desenvolven o currículo, xa que son os encargados de elaborar as programacións que corresponden a cada módulo.

Mentres o noso grupo facía estes apartados, os outros grupos fixeron o resto do documento. Ademais, o propio mestre ía facendo comentarios complementarios e correccións, polo que considero que é unha metodoloxía moi enriquecedora, mais o seu emprego tamén supón un aforro considerable de tempo: entre toda a clase fixemos un documento de doce páxinas en pouco máis de media hora. Certo é que gran parte do texto era copiado, pero ó tempo que levou o feito de escribilo hai que engadir o tempo de busca da información, específica e axeitada. O documento completo atópase en Google Documents, e pódese consultar en calquera intre simplemente premendo no seguinte enlace: